Logotipo Universidade de Vigo

Select your language

Ambas facultades, tanto a Facultade de Ciencias da UDC como a Facultade de Bioloxía da UVIGO, dispoñen dunha dotación suficiente de equipamento e infraestruturas para garantir o desenvolvemento das actividades formativas planificadas. Desde as súas orixes contan con financiamento, por parte da UDC e da UVIGO, respectivamente, para a adquisición, o mantemento e a renovación dos seus recursos docentes tanto de infraestruturas como de equipamento. Contan así mesmo, cos servizos xerais de ambas as Universidades para o mantemento dos recursos materiais, de revisión e seguridade dos laboratorios e de recollida sistemática de residuos perigosos.

As dúas facultades cumpren a lexislación vixente en canto a accesibilidade e deseño para todos, segundo o disposto na Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade. Contan con ascensores en todas as plantas, ramplas de acceso, servizos adaptados, portas de dobre folla en todas as aulas, seminarios, salóns e laboratorios, que permiten o acceso facilmente.

Ambos centros dispoñen de conexión inalámbrica (WIFI) en todo o edificio e de servizo de cafetería, comedor e reprografía. Dispoñen ademais de espazos propios para a Delegación de Alumnos, espazos de administración e conserxería, e salas de reunións, que poderían empregarse de ser necesario para actividades docentes, e despachos do profesorado, nos que tamén poderían realizarse as titorías individuais.

Desde as respectivos Vicerreitorías de Infraestruturas están a realizarse estudos para mellorar os espazos, adaptándoos ás necesidades do EEES, xerando aulas de menor tamaño e espazos de traballo en grupo, así como para ir substituíndo o mobiliario por outro que permita un uso máis eficiente dos espazos físicos e facilite o desenvolvemento das clases prácticas e seminarios.

Dado o carácter interuniversitario do programa de doutoramento, ambas as Universidades garanten a actualización dos equipamentos, sistemas e mecanismos dispoñibles de comunicación bidireccional en videoconferencias entre profesores e estudantes.

Todos os grupos de investigación adscritos ao Programa de doutoramento contan con laboratorios, dotados para a investigación nos distintos ámbitos da Biotecnoloxía, situados na Facultade de Ciencias da UDC e as Facultades de Bioloxía e Químicas da UVIGO de cuxo mantemento se encargan os servizos xerais de ambas universidades.